Wednesday 15 de May de 2024

O Concello de Neda convoca subvencións para apoiar as actividades culturais e deportivas desenvolvidas por entidades sen fin de lucro


O Concello de Neda abre hoxe o prazo para solicitar as axudas municipais para a promoción de actividades culturais e deportivas, dirixidas a entidades, asociacións, comisións de festas, ou agrupacións veciñais do municipio. Trátase dunha liña de subvencións competitiva, cun orzamento total de 12.000 euros, coa que a administración local busca apoiar o labor das entidades sen fin de lucro, colaborando no financiamento de iniciativas desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro.
Segundo detallan as bases da convocatoria, serán subvencionables actividades culturais tales como celebracións, homenaxes, exposicións, publicacións, concursos, certames, mostras, excursións culturais, eventos musicais, encontros, conferencias, estudios e “en xeral, calquera actividade de conservación, promoción e divulgación dos valores culturais”. Primaranse as dirixidas a maiores e as destinadas á mocidade, así como as acciones informativas, e as organizadas conxuntamente con outras asociacións.
En paralelo, poderán optar ás subvencións os clubs deportivos e as persoas físicas que promovan o fomento de actividades físico-deportivas ao longo do 2023. Primarase no reparto de fondos aos clubs que organicen actividades de carácter permanente, os que conten con máis dun equipo en competición e aos que conten con máis fichas.
As iniciativas susceptibles de subvención deben desenvolverse preferentemente dentro de Neda, ou no caso de efectuarse fóra, deberá tratarse de actividades que suplan ou complementen ás atribuídas ao Concello.
Tras a publicación onte do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia, ábrese o prazo para pedir as axudas ata o vindeiro 15 de novembro. Terase que presentar a solicitude, acompañada da pertinente documentación, no rexistro xeral municipal. Unha vez concedidas, haberá dous meses para a xustificación da subvención. Trámite que, en todo caso, deberá estra cumprido antes do 31 de marzo (agás petición e concesión de prórroga).